Grupo de estudios Medioambientales

Aplicados ao Patrimonio natural e cultural

Gemap

Dr. André Vicente Liz

atomos/logo-posCreated with Sketch.

Contacto:

Departamento de Xeografía.
Facultade de Xeografía e Historia.
Universidade de Santiago de Compostela.
Praza da Universidade, 1, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña.

André Vicente Liz é Doutor pola Universidade do Porto (2024), cunha tese sobre as dinámicas históricas da paisaxe e da fauna do deserto do Sáhara-Sahel, financiada mediante unha bolsa da Fundação para a Ciência e a Tecnologia. Parte desta investigación desenvolveuna no King’s College London, no Centre d’Écologie Fonctionnelle et Évolutive e no Leibniz-Institut zur Analyse des Biodiversitätswandels. Posúe graos en Xeografía (2010–2018) e Bioloxía (2011–2015) pola Universidade de Santiago de Compostela, así como un mestrado Erasmus Mundus en Ecoloxía Aplicada (2015–2017), outorgado conxuntamente pola Universidade Federal do Rio Grande do Sul, a Université de Poitiers e a Universidade de Coimbra.

A súa liña de investigación insírese nos ámbitos da filoxeografía comparada e da biogeografía da conservación, abordando a distribución desigual da vida (xenes, especies e ecosistemas) na Terra e a súa coevolución con factores naturais e humanos a través de diversas escalas espazo-temporais. Como obxectivo principal, procura fornecer coñecemento clave que contribúa a i) comprender a historia do patrimonio natural e ii) deseñar estratexias de conservación fronte ás actuais crises climática e de biodiversidade. Para iso, integra métodos macroxenéticos e macroecolóxicos, cun enfoque centrado nas biotas desérticas da rexión Paleártica. A súa produción científica supera a docena de publicacións, entre libros e artigos, todos en revistas Q1, cun Factor de Impacto medio de ~10 e arredor dun cento de citas. Destacan primeiras autorías en revistas como Science, Diversity and Distributions ou Journal of Biogeography, mentres que outras contribucións relevantes atópanse actualmente en revisión en Nature Communications, Science of the Total Environment ou Global Ecology and Biogeography. Acumula preto de 6 meses de traballo de campo en áreas remotas do Sáhara, o Sahel e Arabia, que complementa coa súa experiencia en ecosistemas neotropicais como a Amazonia, as Galápagos ou os Andes. Estas tarefas insírense parcialmente na súa participación e relación contractual en seis proxectos de investigación e consultoría socio-ambiental, que contabilizan un investimento próximo aos 9 millóns de euros.

Entre as súas achegas á divulgación científica e á formación, destacan a súa participación nos comités editoriais de Journal of Biogeography (2022–2023) e Biogeography – Free Association of Biogeographers, así como a co-xestión das iniciativas Biogeography.News e PEEER (na actualidade). Ten participado en arredor de vinte congresos científicos, a maioría internacionais e de referencia en biogeografía global (p. ex., congresos bienais da International Biogeography Society) ou cun enfoque aplicado a nivel rexional (p. ex., foros anuais do Sahel & Sahara Interest Group). Ten supervisado traballos ou teses de fin de grao, mestrado e doutoramento de cinco estudantes, e coordina e imparte un curso de doutoramento sobre cartografía filoxenética. Foi convidado como participante ou palestrante en seis eventos internacionais e formou parte do comité científico ou organizador doutros dous. Ademais, recibiu dous premios de amplo recoñecemento.